Saturday 18 de May de 2024

Rueda avalía coa Federación Galega de Comercio novas vías de colaboración para seguir reforzando este sector clave para a economía galega


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, no que se abordaron aspectos clave como a transformación dixital, a formación ou a dinamización das vendas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e representantes desta entidade co obxectivo de avaliar novas medidas conxuntas para seguir reforzando este sector clave para a creación de riqueza e emprego na comunidade.

Durante o encontro, o presidente da Xunta, que escoitou as achegas e propostas dos representantes do sector, lembrou que a Administración autonómica traballa pola transformación dixital e a modernización do comercio galego, impulsando a súa competitividade; ademais de promover a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito e potenciar diferentes iniciativas de dinamización das vendas, sempre en colaboración coas asociacións e federacións.

A Xunta e a Federación Galega de Comercio manteñen unha colaboración estable en eidos como a información, difusión, asesoramento e asistencia técnica e xurídica ás pemes e autónomos do sector comercial; así como no comercio electrónico e a posta en marcha de diferentes campañas promoción; ámbitos nos que se seguirá cooperando ao longo deste ano.